O programa, que conta coa colaboración da Fondation Walter & Nicole Leblanc de Bruxelas e do Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid, busca promover a formación e a visibilidade de artistas novos da provincia. As solicitudes poderán presentarse ata o 26 de novembro.
Os artistas seleccionados gozarán dunha residencia de tres a catro semanas en Bruxelas (entre febreiro e abril) e de tres meses en Matadero Madrid (entre abril e xullo). Cada un recibirá unha bolsa económica de 9.500 €. A convocatoria está dirixida a creadores, investigadores ou comisarios nados ou residentes na provincia de Pontevedra.
Os participantes deberán presentar un proxecto artístico específico, orixinal e inédito, de calquera modalidade como pintura, escultura, debuxo, fotografía ou vídeo, que se executará durante o período da residencia. A Deputación achega 19.000 € para estas residencias e asumirá os custos de transporte das obras rematadas.
Novos Valores, que naceu como certame de artes plásticas, transformouse en 2025 nun programa de residencias internacionais para mellorar a formación dos artistas. Nas edicións anteriores participaron creadores como Carlos Fer, Andrea Davila Rubio, Sol Mussa e Sara Piñeira, desenvolvendo proxectos como “Exercicios para colgar unha pintura” ou “Biblioteca decolonial”.




