A décimo terceira edición destes galardóns, considerados os máis importantes da industria musical de Galicia, buscará darlle unha nova volta ao número 13, considerado parte da cultura inmaterial galega. A presidenta da Asociación Músicas ao Vivo, Sheila Patricia González, lembrou que a superstición e os rituais terán presenza na cerimonia.
A escenografía, deseñada por Diego Valeiras, inspirarase na "paisaxe mística galega", con evocacións de "esfumatos" e néboas de montaña, empregando "materiais puros".
O xurado profesional, composto pola pianista María Domínguez, a artista Blanca Pereira, a xestora cultural Marta Horjales, o guitarrista Isidro Otero e o xornalista Luis Pardo, xa seleccionou os 48 proxectos finalistas. O público e os socios de Músicas ao Vivo poderán elixir os seus favoritos ata este domingo, 24 de maio, a través da web oficial, cun voto que ponderará o 50%.
A actriz Tero Rodríguez, da compañía Os Quinquilláns, dirixirá artisticamente o evento, que conta co apoio institucional da Xunta, da Deputación e do Concello de Pontevedra. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, destacaron a importancia destes premios para a música galega.
A banda ourensana Los Suaves recibirá o Premio de Honra desta edición. A gala entregará un total de 20 galardóns, incluíndo as categorías tradicionais, os Premios Oragnistrum, Artista Emerxente e o xa mencionado Premio de Honra.




