Juan Mariño, figura clave na Escola de Acordeóns dende os seus inicios como alumno nos anos 80, asume este encargo con "moita responsabilidade" e "moi agradecido", destacando o significado especial que ten o San Xoán para el e para o concello. "Sempre é un orgullo maior cando este tipo de recoñecementos chegan desde o teu propio concello", afirmou.
O Goberno local de Poio sinala que dende hai tres anos se aposta por escoller pregoeiros con forte vinculación ao municipio e á tradición do San Xoán, persoas que axudan a manter viva a identidade colectiva. Mariño súmase así a Pilar Martínez e Rafa Cabeleira, pregoeiros das edicións anteriores, e ao escritor Rodrigo Cota.
“"San Xoán é a festa da casa, a que representa a todo o concello. O paso da banda de música por Campelo, a fogueira, as trastadas coas cancelas e coas macetas, a festa no Campillo… Son moitos e moi bos os recordos que gardamos."
A Escola de Acordeóns de Campelo-Poio, fundada en 1980 como a primeira escola exclusiva deste instrumento en Galicia, foi o epicentro da vida musical de Mariño. Comezou como alumno en 1985, converteuse en profesor en 1997 e agora dirixe o centro, esforzándose por motivar aos máis novos con repertorio actual e tradicional.
Actualmente, a escola conta cuns 20 alumnos, dende os seis anos de idade, consolidando un grupo específico de xente nova que descobre diferentes estilos musicais. A lectura do pregón terá lugar o luns 22 de xuño ás 21:00 horas.




