O encontro, que reúne a profesionais para compartir coñecementos e experiencias sobre a atención ás persoas con enfermidade renal, serviu tamén para subliñar a importancia da formación continuada e da investigación impulsada pola Sociedade Galega de Nefroloxía.
Gómez Caamaño puxo o foco na necesidade de que os avances científicos e a colaboración entre profesionais se traduzan nunha mellor atención aos pacientes. Neste sentido, salientou o valor do proceso asistencial integrado da enfermidade renal crónica, presentado en 2023, que establece criterios compartidos entre atención primaria, nefroloxía e enfermería para orientar a identificación dos pacientes, a derivación a atención especializada e a frecuencia do seguimento.
O proxecto GaliON, que emprega un algoritmo integrado na historia clínica electrónica, facilita a detección temperá e o seguimento da enfermidade renal crónica. Iniciado en 2023 en Ourense, esténdese progresivamente ao conxunto do sistema sanitario público galego, e as listaxes para participar na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés están abertas desde o pasado 1 de outubro.
Ademais, o Servizo Galego de Saúde promove a diálise domiciliaria, modalidade que en 2025 beneficiou a 246 persoas en Galicia, como alternativa para favorecer a autonomía e a conciliación dos coidados coa vida cotiá.
Galicia acadou en 2025 un máximo histórico de transplantes renais con 229 procedementos, un 10% máis que o ano anterior, sendo a cifra máis alta desde o inicio do programa en 1981. O conselleiro agradeceu a xenerosidade dos doantes e o traballo dos profesionais.




