A senadora do BNG, Carme da Silva, defenderá este mércores na Comisión de Vivenda e Axenda Urbana do Senado unha proposta para que o Goberno central achegue terreos e inmobles de titularidade estatal situados na cidade de Pontevedra co obxectivo de construír vivenda pública de alugueiro social. A parlamentaria nacionalista subliñou que a falta de vivenda accesible é un problema social grave e que o Estado dispón de solo e patrimonio mentres moitas persoas teñen dificultades para acceder a unha vivenda digna.
A moción insta especificamente o Goberno a destinar á construción de vivendas de alugueiro social o aproveitamento residencial da Finca do Teucro, xestionado pola Sareb, así como unha parcela de 1.266 metros cadrados na avenida de Uruguai. Tamén se reclamará que os terreos de Campolongo e Mollavao, xestionados polo INVIED, se dediquen integramente á creación de vivenda pública.
“"A gravidade da situación esixe a implicación clara do Goberno do Estado."
Segundo fontes do BNG, a cesión destes solos e parcelas podería permitir incrementar a oferta de vivenda pública en máis de 300 unidades. A proposta tamén inclúe a formalización dun convenio coa Xunta de Galicia para promover e xestionar estas actuacións residenciais, integrando as vivendas resultantes nun parque público de alugueiro social. Finalmente, solicítase un estudo para identificar e catalogar vivendas baleiras do Ministerio de Defensa na cidade para o mesmo fin.




