A rúa Casimiro Gómez en Pontevedra entra en obras a partir do próximo luns, día 20 de xullo. Os traballos de fresado iniciaranse nun tramo da vía, concretamente entre as rúas San Antoniño e Fernando Olmedo, como parte dun proxecto de humanización que busca gañar espazo peonil, mellorar a seguridade viaria e renovar os servizos subterráneos.
Segundo informou o Concello de Pontevedra, as restricións de tráfico na rúa prolongaranse durante os próximos seis a oito meses. A reforma, que supón unha das actuacións urbanísticas do mandato, será executada pola empresa pontevedresa EC Casas cun orzamento de case 945.000 euros e un prazo de execución de doce meses.
A actuación contempla a renovación integral dos servizos, incluíndo a separación de pluviais e fecais para previr roturas e incidentes que xeraran queixas veciñais. Tamén se renovarán as redes de electricidade, gas e telecomunicacións.
Ademais, a obra prevé a ampliación das beirarrúas, a creación de novas zonas de estancia, a renovación do alumeado público, a instalación de mobiliario urbano como bancos e aparcabicis, e a creación de zonas verdes con novo arbolado.




