O proxecto de renaturalización do río Gafos, considerado a maior intervención deste tipo na historia de Pontevedra, experimenta un lixeiro atraso respecto á previsión inicial. Segundo confirmou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, o inicio dos traballos está previsto para principios do mes de maio, despois de que a Xunta de Goberno local dese o visto e prace ao último paso administrativo necesario.
Esta actuación transformará o tramo urbano do río ao seu paso polo barrio de Campolongo, creando un novo parque fluvial que se estenderá entre as rúas Alcalde Hevia e Xeneral Rubín. A iniciativa permitirá que o Gafos volva ver a luz máis de medio século despois de ser canalizado durante o proceso de urbanización da zona.
A lexislación española obriga a que todos os contratos de obra que superen os tres millóns de euros deben ser sometidos ao trámite de exposición pública durante 15 días.
Os traballos, adxudicados ás empresas Covsa e EC Casas por un importe superior aos 4,1 millóns de euros, non poderán comezar ata que se complete a fase de alegacións. Se non se presenta ningunha reclamación ata o 30 de abril, o Concello terá vía libre para iniciar a execución do proxecto.
O proxecto inclúe a construción de catro pasarelas e un miradoiro, a plantación de nova arborado, a creación de zonas de estancia e paseo, e a reordenación do tráfico nas áreas próximas. Cunha duración estimada dun ano, esta obra resultará na creación dun parque fluvial de 21.000 metros cadrados, enriquecendo o patrimonio natural e urbano da cidade.




