A Deputación de Pontevedra modificou o contrato adxudicado o ano pasado á empresa Citania para o estudo arqueolóxico e a lectura de paramentos do antigo convento. Este traballo é crucial para determinar posibles axustes no futuro proxecto de rehabilitación, que busca converter o recinto na sétima sede do Museo de Pontevedra.
O orzamento final deste estudo ascenderá a 432.175,70 euros (IVE incluído), o que representa un incremento de 121.205,70 euros, case un 39% máis do previsto. Ademais, o prazo de execución dos traballos e a entrega dos informes de conclusión pasarán de sete a nove meses.
Este aumento nos custos e no tempo débese á ampliación da zona de catas, unha esixencia da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. A intervención arqueolóxica abarcará agora unha área de 1.278 metros cadrados, fronte aos 227 metros cadrados iniciais. O incremento da “dedicación profesional” e do número de “persoas adscritas á execución do contrato” tamén xustifican o encarecemento dos traballos.
A empresa Citania dispón de 15 días, ata o vindeiro 28 de abril, para axustar a garantía de obra ao novo acordo, co prezo modificado á alza. En total, deberá abonar 17.858,50 euros por este concepto, o que supón 5.008,50 euros máis.
As catas arqueolóxicas non poderán comezar ata que se complete a tala dos máis de 150 árbores e arbustos dos xardíns do cenobio. Estes traballos foron adxudicados a unha empresa de Cambados, dirixida polo enxeñeiro forestal Eduardo Penedo Padín, por 9.861,50 euros e cun prazo dun mes.
A Deputación tamén debe reunir todos os permisos necesarios para os estudos arqueolóxicos. O Concello de Pontevedra xa deu o seu visto e prace, aínda que con varias condicións: a licenza será válida se as escavacións cumpren todos os requisitos esixidos por Patrimonio. Salvo que se acurten os prazos, os sondaxes arqueolóxicos que definirán os cambios na rehabilitación de Santa Clara non finalizarán ata principios de 2027, ano no que se prevé a contratación da obra, que xa acumula atrasos.




