Os fondos, procedentes de indemnizacións e prestacións recoñecidas tras o falecemento da nai do neno nun accidente de tráfico, foron supostamente utilizados polo procesado para gastos persoais e transferencias sen xustificación.
Segundo o escrito da Fiscalía, o acusado enfróntase a unha petición de seis anos de prisión por un presunto delito continuado de apropiación indebida. Ademais da pena de cárcere, solicítase unha multa económica e a obriga de devolver as cantidades supostamente utilizadas.
“"O Ministerio Público sostén que o home dispuxo do patrimonio do fillo “ao seu antollo”, realizando retiradas continuas de efectivo, transferencias e traspasos de elevado importe sen xustificación vinculada ao interese do menor."
A causa remóntase ao ano 2017, cando a nai do menor faleceu nun accidente. Tras este suceso, o neno converteuse en beneficiario de tres indemnizacións de seguros de vida, cun importe total de 409.908 euros, que se ingresaron nunha conta bancaria na que o pai figuraba como persoa autorizada.
A acusación pública indica que parte do diñeiro foi parar a unha empresa da que o acusado era administrador único, mentres que outras cantidades foron transferidas a persoas da súa contorna. A Fiscalía considera que esta actuación permitiu ao investigado manterse economicamente a costa dos recursos do seu fillo, ata o punto de que en agosto de 2019 a conta bancaria quedou sen fondos.
Ademais dos máis de 409.000 euros dos seguros, tamén se reclama a devolución de 10.761 euros correspondentes á pensión de orfandade cobrada durante ese período. A Fiscalía solicita que todas as cantidades sexan restituídas ao menor, xa que o patrimonio debía estar destinado exclusivamente á súa protección e mantemento.




