O extremo granate recoñece que non hai nervios de cara á final deste sábado (18:30 horas, Pasarón) e que "levamos un ano moi moi bo e temos a oportunidade de continuar, de non acabar aínda o ano e de ter unhas semanas máis". O conxunto lerezano chega á cita dependendo de si mesmo para continuar pelexando polo ascenso á liga profesional.
A derrota fronte ao Tenerife quedou atrás e a plantilla xa se concentra no seguinte encontro. "Tiñamos dúas semanas para clasificarnos. O outro día non puidemos conseguilo e temos outra oportunidade aquí, na casa, en Pasarón con toda a nosa xente", subliñou Abelenda sobre a nova oportunidade que se lles presenta.
O xogador destaca a importancia de xogar na casa: "creo que a todos os clubs lle axuda xogar de local e para nós, a pesar de que fóra da casa tamén conseguimos moi bos resultados, é un plus". Agrega que Pasarón "sempre nos axuda a dar un pouquiño máis" e espera que o sábado se viva "o mellor ambiente da tempada" para devolver a enerxía da afección.
Enfrente estará o Real Avilés, que tamén se xoga moito na súa loita por salvar a categoría. Abelenda cre que o rival "virá a gañar" aínda que o empate lle sirva. "Nós xogámonos o dereito durante as trinta e sete xornadas de estar en play-off e esperemos conseguir esa vitoria e celebrar un play-off que vai ser histórico", afirmou.
O extremo tamén recordou que a permanencia e a clasificación para a Copa do Rei xa se conseguiron, pero cre que "non se valorou como se tiña que valorar". "Agora temos unha última xornada para poder conseguir un obxectivo e que se valore de verdade e se poida celebrar", concluíu, desexando que Pasarón estea cheo para "pechar esta festa".




