A presente edición da Fecap promete ser máis completa, cunha área expositiva ampliada que albergará tanto empresas xa consolidadas como novas firmas do sector. Os visitantes poderán atopar unha variada mostra de equipamento e servizos para a práctica da caza, a pesca e o ocio na contorna natural.
O programa de actividades inclúe novidades e propostas consolidadas. A Federación Galega de Caza de Pontevedra organizará exhibicións participativas de tiro con arco, dirixidas a todas as idades, e ofrecerá o seu simulador Sim Way Hunt. Tamén haberá espazo para o agility, con exhibicións para grupos escolares e probas oficiais da Liga Autonómica e da Copa Abanca Semana Verde de Galicia.
Ademais, haberá un taller permanente de pintura sobre fauna e flora galega impartido pola pintora Irma María Loureiro, e exhibicións de cetrería con diferentes aves, incluíndo actividades para os máis pequenos.
No eido da pesca, a marca Caperlan organizará exhibicións de montaxe de moscas, que se emitirán en streaming e contarán coa participación de recoñecidos expertos como Marcos Prado, Jorge R. Maderal, Joaquín L. Quintás, Gustavo Brea e Paco Porto.
Así mesmo, Caperlan realizará demostracións de técnicas de lance e presentará o libro Pesca de Guerrillas de Jesús Carmona, quen tamén ofrecerá unha exhibición de lanzado de man. Jorge Rodríguez Maderal presentará o seu libro A Mosca de Salmón e reflexionará sobre o seu atado.
A Mostra de Cans de Caza, organizada pola Federación Galega de Caza de Pontevedra e Solognac, será un dos puntos fortes da feira, con máis de 300 exemplares das mellores razas europeas e estadounidenses. Incluirá presentacións e desfiles das distintas razas, coa participación do presidente da Federación Galega de Caza, Luis Eusebio Fidalgo.




