A formación nacionalista, a través da súa senadora, reclamou unha intervención decidida ante o que describen como un trazado sinuoso, cunha elevada presenza de tráfico pesado e múltiples puntos negros que levan anos sen unha solución estrutural efectiva.
“"Os accidentes con vítimas mortais, como o ocorrido na Noitevella de 2022 ou o recente atropelo en Calvelo, poñen de manifesto a urxencia de actuar con decisión."
Ademais, a representante do Bloque criticou a falta de compromiso do Goberno, sinalando que as actuacións realizadas ata o momento son insuficientes e responden a unha política de "parcheo" que non aborda os problemas de fondo da estrada.
Consideran "inadmisible" que o Ministerio de Transportes "siga negando a existencia de tramos de concentración de accidentes como xustificación para non acometer actuacións de calado". Por iso, a iniciativa do BNG insta o Executivo a adoptar medidas "concretas e urxentes".
“"Exiximos ao Goberno que realice unha auditoría integral de seguridade viaria na N-541 no seu paso por Cerdedo Cotobade, que permita identificar todos os puntos de risco e definir unha actuación global e definitiva."
Entre as demandas específicas inclúense a reposición integral do aglomerado con materiais antideslizantes, a corrección dos peraltes nas curvas, a implementación de medidas de calmado do tráfico na entrada do núcleo de Cerdedo e a instalación dunha pasarela peonil en Calvelo. Tamén se solicita un carril de incorporación no punto quilométrico 84 en dirección Ourense, a urbanización da contorna da marquesiña e a creación dunha vía ciclista e peonil ata o río Tenorio.