O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou hoxe este crecemento, que se fai patente en todas as provincias galegas, sendo Ourense a que rexistra unha porcentaxe máis elevada de incremento.
Tras unha visita ao Instituto Universidade Laboral de Ourense, cualificado polo conselleiro como un "polo tractor" destas ensinanzas, Rodríguez sinalou que este novo récord avala "o impulso cualitativo que vimos dando nos últimos anos" a través de propostas formativas máis tecnificadas, especializadas e con novas modalidades, que dan resposta ás necesidades do mercado laboral.
Por áreas territoriais, a que máis medra é a de Barbanza-Muros-Noia (+10,61%), seguida de Lemos-Chantada-Quiroga (+9,22%), A Mariña (+7,89%), Área de Ourense (7,54%) e Verín-Limia-Baixa Limia (+7,39%). No eido rural, o incremento de matrícula foi do 7,41%, mentres que nas zonas urbanas o crecemento foi do 5,63%.
No que atinxe ás familias profesionais, a matrícula medra en 20 das 26 que se poden cursar en Galicia. Destacan as subas en Seguridade e medio ambiente (+37,42%), Instalación e mantemento (19,25%) e Agraria (+11,98%). As familias con maior número de alumnos son Sanidade (11.508), Administración e xestión (9.773) e Informática e comunicacións (8.426).
As ensinanzas de grao superior concentran o maior número de estudantes (41.718), cun crecemento do 6,88%. A FP Acelerada, unha vía formativa exclusiva de Galicia, case triplica o seu crecemento, acadando 437 persoas. Tamén medra significativamente a FP Básica para Adultos (+119%) e a FP Dual Intensiva (+18,62%).
O propio Instituto Universidade Laboral de Ourense rexistra un incremento do 17,2% na súa matrícula, ata os 626 alumnos, impartindo 18 ciclos formativos en diferentes modalidades.




