A Delegación Territorial da Xunta en Ourense foi o escenario da reunión da comisión provincial de coordinación policial de loita contra os incendios forestais para a campaña de verán de 2026. O encontro tivo como obxectivo principal o deseño de actuacións conxuntas entre a Xunta, o Goberno central e a Administración local en materia de prevención e loita contra os lumes forestais, nun marco de alto risco.
O delegado territorial, Manuel Pardo, destacou que o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, o Pladiga 2026, recolle o maior investimento da súa historia, cun montante total de algo máis de 213 millóns de euros. Esta cifra, que inclúe persoal e investimentos en prevención e extinción, supón un 18 % máis con respecto ao ano pasado.
O documento está integrado por catro plans: o de prevención; o de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; o de extinción e o de formación. No que atinxe ao Plan de prevención, está previsto actuar nunha superficie de 33.880,41 hectáreas, con traballos en áreas cortalumes, creación de faixas auxiliares, mellora de pistas forestais e queimas prescritas, ademais de accións enmarcadas en subvencións e colaboracións con entidades locais. Tamén se reforza a xestión da biomasa cun convenio de 25 millóns de euros anuais coa empresa pública Seaga.
O Plan de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras incorpora novidades tecnolóxicas, como a ampliación dun 30 % da rede de videovixilancia, que chegará a 241 cámaras en 111 localizacións, e a introdución da intelixencia artificial no sistema de xestión. Destaca tamén o lanzamento da aplicación móbil ALume para alertar de incendios e a actualización da lista de parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), coa incorporación de 11 novas parroquias, sumando un total de 35.
O Plan de extinción detalla os medios humanos e materiais, cun reforzo da Unidade de Directores de Extinción e a incorporación de 42 novas brigadas. O dispositivo total integrará máis de 7.000 persoas, entre profesionais propios da Xunta e adscritos a outras administracións. En canto a medios materiais, sumaranse 16 novos bulldózers e reforzaranse os medios aéreos e terrestres.
No eido da formación, o obxectivo é mellorar a profesionalización e seguridade do persoal, cun orzamento conxunto de preto dun millón de euros para cursos e iniciativas dirixidas tanto ao persoal como á poboación. A Xunta tamén apelou á responsabilidade cidadá e á denuncia de actividades delituosas incendiarias a través do teléfono 900 815 085.




