A Consellería de Sanidade, a través da Xunta de Galicia, publicou hoxe no Portal de contratos Públicos de Galicia a licitación dun expediente cun importe de 681.835 euros. O obxectivo é a subministración de material funxible necesario para a realización de operacións de uroloxía na área sanitaria que abarca Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
O procedemento, que se atopa distribuído en dous lotes, tamén contempla a cesión do equipamento asociado a esta especialidade médica, así como os accesorios requiridos para a súa correcta utilización.
O material incluído na licitación comprende fibras desbotables para láser de holmio e funxibles para morcelador. Estes elementos buscan facilitar a prevención, rehabilitación e tratamento de diversas enfermidades urolóxicas.
En concreto, estes instrumentos permitirán abordar de xeito máis sinxelo patoloxías como a hiperplasia prostática benigna e a litíase renal. No caso da primeira, os láseres facilitan extirpacións seguras e con menos complicacións. Para a litíase renal, o láser é unha ferramenta indicada para pedras de gran tamaño ou dureza, e tamén se emprega na nefrolitotomía percutánea, unha técnica para pedras de difícil acceso.
As empresas interesadas en participar neste procedemento de contratación teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de agosto.




