A confirmación para Toén foi recibida con satisfacción polo alcalde, Ricardo González, quen destacou o traballo realizado e o impacto positivo que suporá a nova residencia. Segundo o rexedor, a iniciativa permitirá que os veciños poidan elixir vivir toda a súa vida no concello, mesmo na etapa de xubilación, ademais de impulsar o emprego directo e indirecto na comarca.
A residencia proxectada en Toén contará con 30 prazas, co obxectivo de dar servizo aos veciños do municipio e tamén aos de concellos próximos. A intención é que sexa unha opción de proximidade para os maiores da zona.
Pola súa banda, Ribadavia, xunto cun centro satélite en Castrelo de Miño, disporá de 120 prazas. O alcalde, César Fernández, sinalou que esta dotación suporá "un impacto positivo a todos os niveir: social, asistencial e laborarl para toda a comarca do Ribeiro". Aínda que aínda se está a buscar a localización exacta para os centros, ambos os municipios cumpren co calendario establecido pola Xunta.
O Plan de Residencias da Xunta prevé a construción de cinco centros na provincia de Ourense, que sumarán 320 prazas á oferta asistencial. A estas súmanse outras 120 prazas previstas na cidade pola Fundación Amancio Ortega.




