Ourense recupera 1,1 millóns da subvención para a Praza de Abastos

O Ministerio de Vivenda estima as alegacións municipais e confirma que o Concello non terá que reintegrar cantidade algunha.

Ourense recupera 1,1 millóns da subvención para a Praza de Abastos

Concello de Ourense

O Concello de Ourense recuperará os 1,1 millóns de euros da subvención do Ministerio de Fomento para a reforma da Praza de Abastos número 1, tras estimar o Ministerio as alegacións municipais.

O Concello de Ourense recuperará integramente a subvención de 1,1 millóns de euros que lle fora concedida polo Ministerio de Fomento para a primeira anualidade (2015) do proxecto de reforma e rehabilitación da Praza de Abastos número 1. O Ministerio de Vivenda, que lle requirira a devolución da axuda, remitiu ao Concello unha resolución na que estima as alegacións municipais e confirma que non procede reintegrar cantidade algunha.
Esta axuda fora obxecto de litixio entre ambas as administracións, logo de que o goberno central reclamase á administración local a devolución da cantidade inicial (1.190.919,84 euros) máis os intereses de demora (244.345,82 euros), para un total de 1.435.265,66 euros, por non ter xustificado en prazo a súa execución.
O Concello devolveu os fondos, pero presentou un recurso xudicial que deu lugar a unha sentenza da Audiencia Nacional, favorable aos intereses municipais, que declarou a caducidade do procedemento de reintegro. Porén, o goberno central abriu este ano un novo procedemento de devolución desta subvención e o Concello de Ourense presentou alegacións nas que demandaba o arquivo do procedemento por prescrición.
Agora, o Ministerio de Vivenda comunica ao Concello unha resolución na que acorda estimar as alegacións formuladas, declara prescrito o dereito da Administración a recoñecer ou liquidar o reintegro da subvención e acorda que “non procede acordar o reintegro de cantidade algunha no presente procedemento, nin esixir os intereses de demora asociados ao mesmo”. Con este acordo, o Ministerio declara finalizado o procedemento de reintegro e acorda o arquivo das actuacións.
O Concello xa devolvera ao Ministerio no ano 2022 esta cantidade, que agora o Estado deberá reintegrarlle xunto cos intereses de demora e as custas xudiciais.
Información elaborada a partir da fonte oficial: Concello de Ourense (12/11/2026)