A comunidade galega concentra case unha de cada sete distincións concedidas no país, situándose no podio nacional xunto á Comunidade Valenciana e Andalucía. O distintivo, outorgado pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), recoñece a calidade das augas, a seguridade, os servizos, a accesibilidade e a xestión ambiental dos areais.
Entre as novidades desta edición, destaca a incorporación, por primeira vez, dunha praia de interior na provincia de Ourense. Trátase de Os Franceses, en A Veiga, que se converte no primeiro areal fluvial galego en obter este recoñecemento. A esta súmanse outras tres praias que estrean bandeira: Niñóns (Ponteceso), O Laño (Poio) e Pampaído (Sanxenxo), mentres que seis areais recuperan o distintivo tras perdelo o ano anterior.
O municipio de Sanxenxo volve situarse como o que máis praias con bandeira azul ten en toda España, cun total de 18, seguido de Vigo, que conta con 12 e se posiciona como a cidade galega mellor situada nesta clasificación. Ademais, a praia de Bastiagueiro, en Oleiros, mantén un fito destacado: é un dos sete areais do mundo que conservan a bandeira azul de forma ininterrompida desde 1987.
Máis alá das praias, Galicia suma tamén 11 portos deportivos e 18 centros azuis —espazos dedicados á educación ambiental—, dous deles recoñecidos por primeira vez. En conxunto, a comunidade alcanza os 219 distintivos azuis, o que lle permite situarse por primeira vez como a segunda comunidade de España neste ranking global, só por detrás da Comunidade Valenciana.




