O centro hospitalario ourensán foi elixido entre as 42 candidaturas finalistas dunha convocatoria estatal á que concorreron máis de cen iniciativas de hospitais e asociacións de pacientes de todo o Estado. A proposta, promovida polo Servizo de Atención ao Paciente e Humanización, é un dos seis proxectos seleccionados na modalidade de fomento da participación das persoas no sistema sociosanitario, dentro da categoría Sociedade.
Os premios, impulsados pola plataforma Somos Pacientes, recoñecen proxectos que melloran a atención, a calidade de vida ou a participación das persoas no sistema sanitario. A plataforma é unha comunidade dixital sen ánimo de lucro, na que participan 2084 asociacións de pacientes e de persoas con discapacidade de toda España.
O manual, que naceu en 2023 a partir da petición de profesionais do hospital, foi elaborado conxuntamente por profesionais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, persoas usuarias, representantes de asociacións e especialistas en sexoloxía, diversidade e dereito. É o primeiro manual deste tipo elaborado nun centro sanitario público.
Na listaxe de finalistas, na categoría á que concorre o proxecto ourensán, figuran centros hospitalarios de Madrid, Pamplona, Barcelona, Santander ou Córdoba, sendo o único representante de Galicia. O fallo do xurado darase a coñecer na entrega de premios, prevista para o vindeiro 1 de decembro, en Madrid.




