A operación, denominada BEZIN OU, culminou coa detención de sete individuos e a investigación doutro, implicados en polo menos 15 feitos delituosos. Os roubos centrábanse na recadación de máquinas expendedoras de tabaco e tragaperras en establecementos da provincia de Ourense.
A investigación, levada a cabo polo Equipo de Policía Xudicial de Verín, comezou en setembro de 2025 tras detectarse unha serie de roubos con forza en estacións de servizo de localidades como Abavides, Trasmiras e Oímbra. As pescudas permitiron vincular aos sospeitosos con asaltos a establecementos, subtracción de vehículos e roubos en naves agrícolas.
Segundo os datos da investigación, a banda operaba de forma organizada, cun líder que seleccionaba os obxectivos en zonas como Monterrei e A Limia. Para dificultar a súa identificación, os membros aloxábanse en diferentes hoteis. Nos asaltos empregaban ferramentas como radiais, mazas e picos, actuando con gran violencia, e utilizaban sistemas de comunicación non convencionais para evitar ser rastrexados.
Na fase final da operación, realizáronse rexistros en vivendas situadas en Toledo e Madrid. Durante estas intervencións, os axentes recuperaron diñeiro en efectivo, tabaco roubado e as ferramentas empregadas nos golpes.




