A provincia de Ourense amenceu conmocionada pola traxedia do dobre terremoto en Venezuela. A comunidade venezolana na rexión segue con especial inquedanza o alcance do suceso, que xa provocou máis de 160 falecidos e un milleiro de feridos, ademais de severos problemas de comunicación coas familias no país americano. A veciña de Ourense Gisela Vidal relatou a fonda angustia vivida nos primeiros intres ao coñecer a noticia.
O grave episodio sísmico xerou unha profunda alarma tanto no país caribeño como entre a diáspora venezolana residente no exterior. Os dous fenómenos consecutivos causaron temor entre a poboación debido aos danos materiais, os cortes de servizos básicos, o impacto psicolóxico por posibles réplicas e a falta de comunicación. Neste contexto, Vidal explicou que tivo coñecemento da situación a través dun amigo en Galicia, o que a levou a reaccionar de inmediato para tentar contactar cos seus familiares e amizades en Venezuela.
“"Empecei a chamar aos meus amigos de inmediato. Angustia é o que sentín nun primeiro momento debido á sufrimento que debía estar a pasar a miña xente e ao non saber realmente o que sucedeu ou como axudar."
A residente en Ourense describe un escenario marcado pola incerteza e a impotencia ante a falta de datos claros sobre o estado das zonas afectadas. Nas súas comunicacións con contactos no país, confirmou que varios amigos están a salvo, aínda que asustados. Non obstante, a preocupación mantense por aqueles que aínda non responderon, xa que nalgunhas zonas non hai subministro eléctrico. Vidal indicou que continuará intentando establecer contacto nas próximas horas e que, de ser necesario, tratarán de canalizar axuda ou información dende o exterior.
A cidadá venezolana tamén lembrou a súa experiencia persoal coa historia sísmica do seu país. Aínda que nunca viviu directamente un desastre natural de gran magnitude mentres residía en Caracas, ten presente o terremoto de 1967. Este recordo, que provocou máis de 230 mortos e miles de feridos, reforza a súa preocupación e respecto ante este tipo de fenómenos naturais, aínda que os sismólogos confirmaron que o recente "dobrete sísmico" de 7.2 e 7.5 graos é o de maior magnitude rexistrado en Venezuela dende 1900.




