A substitución prodúcese tras a cancelación de última hora do concerto de Miguel Ríos, quen non poderá actuar por prescrición médica debido a un accidente doméstico que lle provocou un leve traumatismo craneal.
A organización reaccionou con rapidez, pechando unha contratación exprés para manter o prato forte musical das festas. O grupo leonés Café Quijano incorpórase así ao programa en tempo récord, nunha operación loxística contrarreloxo que implicou o desprazamento de músicos e técnicos desde distintos puntos do país.
O concerto mantense no mesmo escenario e horario. A organización destaca o esforzo realizado para evitar a perda do gran evento musical da noite. Queda pendente se a actuación de Miguel Ríos poderá reprogramarse no futuro.




