Este mércores, 29 de abril, o Campus Universitario de Ourense será o escenario dun hackathon social polos dereitos, enmarcado no preámbulo do Mes Europeo da Diversidade. O evento, de entrada libre e que comezará ás 10:00 horas, incluirá a proxección do curtametraxe Cuatro esquinitas en el país de las muchas formas, seguido dunha mesa redonda sobre dereitos fundamentais e obradoiros creativos. A xornada rematará coa actuación das regueifeiras Nuria Penas e Xairo D’Herbón.
No eido cinematográfico, o Cineclube Padre Feijóo de Ourense proxectará El último vikingo, con pases ás 18:00 e 21:00 horas e un custo de 5 euros. A película narra a historia de Anker, quen sae de prisión tras cumprir unha condena por roubo, e a busca do diñeiro agochado polo seu irmán.
A programación festiva de Os Maios en Verín arranca o xoves, 30 de abril, na Casa da Cultura ás 20:30 horas con entrada libre. Presentarase o libro Artigos, contos e Maios, de Bruno Rúa, unha obra que recupera a figura de Enrique Gómez Pato, referente na recuperación desta festividade. O venres, 1 de maio, será o día grande con exhibición de maios tradicionais e artísticos, un concerto da Banda de Música do Conservatorio e a venda de coplas cuxa recadación se destinará á Asociación Española Contra o Cáncer. A xornada culminará cunha degustación de polbo á feira e a cuarta edición da Feira Solidaria.
Finalmente, o venres, 1 de maio, o Auditorio de O Carballiño acollerá o evento “Dados e historias” da asociación recreativa Monxes do Tentáculo. Dirixido a maiores de 14 anos, ofrecerá unha variedade de xogos de mesa como Catan, Exploding Kittens ou The Witcher. Pola tarde, ás 19:30 horas, proxectarase a película de terror Dagon.




