En Vilamarín, concretamente en Bouzas, terá lugar a mañá do domingo a Feira “Pendellos vivos”. Dende as 11,30 horas, os asistentes poderán pasear entre os postos de artesanía e produtos locais, adquirindo pezas únicas e produtos frescos. Artesáns de Ourense e Galicia amosarán as súas creacións e realizarán demostracións en vivo. A xornada completarase cunha sesión vermú e, ás 14,30 horas, un xantar popular de carne ao caldeiro por 20 euros, seguido de música e baile.
Na cidade de Ourense, celébrase o último día das festas. O Mercado Medieval abrirá as súas portas no entorno da Ponte Romana dende as 11,00 ata as 22,00 horas. Pola súa banda, o Parque de Canedo acollerá unha yincana de inchables acuáticos en quendas de mañá e tarde. As atraccións do Parque Barbaña estarán dispoñibles dende as 17,00 horas. A noite estará amenizada pola orquestra Função Públika na Ponte Romana, e culminará cun espectáculo de fogos artificiais á medianoite.
En Paderne de Allariz, o pavillón será o escenario da VI Festa da Terneira ao Espeto e da Empanada de Polo de Curral. A comida comezará ás 14:00 horas cun prezo de 20 euros por persoa, sendo gratuíta para menores de 12 anos. Despois do xantar, haberá actividades lúdico-deportivas para os máis pequenos e a música da charanga El Tattoo.
Finalmente, en Zarracós (A Merca), a Asociación de Veciños San Andrés organiza un fiadeiro popular para celebrar o fin de curso de pandeireta e canto. A cita, que comezará ás 19:30 horas debido á calor, terá lugar no Campo da Festa e a entrada será libre.




