O incidente, que obrigou a interromper momentaneamente a actividade no tramo de toma de contacto, xerou unha gran expectación entre o público presente. Vídeos e imaxes mostran os momentos posteriores ao suceso, con berros e reaccións de sorpresa.
A continuidade de Javier Pardo no Rally de Ourense, crucial para a súa posición no Supercampionato de España, vese comprometida tras o accidente. O vehículo, un Skoda Fabia RS Rally2, incendiouse e resultou gravemente danado. O piloto sufriu mareos, mentres que o seu copiloto, David de la Puente, presentou dor de costas e foi avaliado polos servizos sanitarios.
Veciños de Loñoá describiron a curva de Covas como moi traizoeira, sinalando un bache que, segundo relatan, foi a causa da perda de control do vehículo. "Arriscou moito, pero vese claro que pilla o bache, perde culo e escúpelle a curva", comentaron.
No lugar do suceso actuaron o coche R (vehículo de excarceración e material médico) e unha ambulancia, ademais do equipo médico desprazado para avaliar o estado dos ocupantes. O equipo agarda unha avaliación definitiva dos danos materiais do coche, que poderían condicionar o futuro deportivo do piloto ourensán.




