O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou que esta cifra constitúe a "maior dotación que tivo nunca un Pladiga", destacando a adaptación do plan aos novos tipos de incendios. O operativo mobilizará ata 7.000 efectivos de diversas administracións durante o período de alto risco, e inclúe actuacións de prevención en 33.000 hectáreas, que se intensificarán coa chegada do bo tempo.
“"É a maior dotación que tivo nunca un Pladiga."
Entre as novidades xa anunciadas o pasado 23 de marzo, o plan contempla a incorporación de 42 novas brigadas en zonas de alto risco, o que supón 168 efectivos adicionais. Tamén se reforza a Unidade de Directores de Extinción da Xunta (UDEX), que pasará de seis a 15 expertos, centrados na xestión de grandes incendios forestais. Ademais, sumaranse catro medios aéreos (dous avións de carga en terra, un avión de coordinación e un helicóptero pesado), elevando a 24 o total de aeronaves dependentes da Xunta, ás que se engaden entre nove e dez do Estado.
As melloras tecnolóxicas inclúen a integración de tres drons, o aumento a 241 videocámaras de vixilancia, a implementación de probas piloto de intelixencia artificial para a detección temperá de lumes e unha nova aplicación móbil para que a cidadanía poida alertar de incendios, cuxo lanzamento está previsto para xullo.
O Pladiga 2026 fixa como obxectivo que non ardan máis de 29.207,4 hectáreas, unha cifra superior á meta do ano anterior (18.554,5 hectáreas) tras un "mal" 2025 no que se calcinaron 118.763,5 hectáreas. Este obxectivo de superficie é o máis elevado da última década. Tamén se busca non superar os 282 incendios e que non haxa máis de 26 Situacións 2, que se decretan cando existe ameaza para vivendas, en contraste coas 104 activacións de 2025.
As parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI) aumentan a 35, nove máis que as 26 de 2025. A maioría concéntranse en Ourense (26), con cinco en Pontevedra e catro na Coruña. Destacan municipios como A Gudiña, con catro PAAI, e A Mezquita, con tres. A Xunta tamén amplía o convenio coa Deputación de Ourense, incorporando seis novas brigadas e máis maquinaria, cunha dotación de 3,5 millóns de euros para o período de maio a novembro.




