A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión co alcalde de Baralla, Miguel González, para avaliar varias iniciativas municipais destinadas á mellora do servizo de abastecemento de auga na localidade.
Ambas as administracións acordaron avanzar na colaboración para que o Concello remita o seu proxecto a Augas de Galicia. O persoal técnico deste organismo estudará a viabilidade do proxecto e, posteriormente, estableceranse as condicións para o seu financiamento.
A conselleira lembrou ao alcalde a existencia de ordes de axudas anuais convocadas por Augas de Galicia. Estas axudas apoian aos municipios na realización de auditorías para coñecer o estado dos sistemas de abastecemento e tamén para acometer obras que minimicen as fugas nas redes.
Ángeles Vázquez destacou o apoio técnico e económico que a Xunta presta aos concellos para que exerzan as súas competencias en materia de abastecemento e saneamento de forma máis eficiente.
Este apoio reflíctese nos orzamentos actuais, cunha dotación global para Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros, o que supón un incremento do 5,5% respecto ao ano anterior. Deles, 108,7 millóns de euros destinaranse a abastecemento e saneamento, e 73,6 millóns a investimentos en infraestruturas hidráulicas.




