A organización agraria asegura que as granxas afiliadas en municipios como Becerreá, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Baralla, Navia de Suarna, Cervantes ou Folgoso do Courel veñen detectando "un aumento considerábel dos ataques do xabaril nos pastos e cultivos".
O sindicato considera que esta situación responde ao incremento de exemplares de xabaril no territorio e á redución de superficie agraria útil, o que provoca que as explotacións que continúan activas sufran cada vez máis danos en prados e zonas de forraxe.
Segundo explica o SLG, moitos dos terreos reservados para alimentar ao gando durante o inverno quedan inutilizados tras ser removidos polos animais salvaxes, obrigando ademais a resembrar os pastos. "Durante unha campaña eses prados non serven para dar de comer ao gando", advirten.
O sindicato tamén sinala un aumento doutras especies salvaxes, como o corzo, e alerta da preocupación existente entre os gandeiros polo posible risco sanitario derivado da convivencia entre fauna salvaxe e gando vacún.
Durante unha campaña eses prados non serven para dar de comer ao gando.
Neste sentido, o SLG reclama á Consellería de Medio Ambiente información "sobre o estado sanitario desta fauna salvaxe" e protocolos "claros" de seguimento e control. Ademais, esixe un incremento das axudas para medidas preventivas e pide ampliar a liña destinada a peches perimetrais para incluír especificamente os ataques de xabaril, co obxectivo de reducir os danos que provoca.




