A proba, organizada polo Club Ciclista Cidade de Lugo co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, consolídase como un referente do ciclismo de alta montaña, buscando combinar deporte, paisaxe e promoción turística na comarca dos Ancares.
A organización deseñou dous itinerarios con saída en Pedrafita e chegada en O Cebreiro. A ruta de Gran Fondo terá 125 quilómetros e 3.218 metros de desnivel, mentres que a de Medio Fondo será de 86 quilómetros e 1.928 metros de desnivel. Como novidade, ambos os percorridos inclúen o paso polo Alto Mirador de Ancares, en Cervantes, co obxectivo de "mostrar novos itinerarios, paisaxes e elementos patrimoniais", segundo destacou o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro.
Castro explicou que o criterio para os novos trazados foi buscar un equilibrio entre dureza e accesibilidade, ademais de "ir mostrando cada vez máis parte desa xoia que temos aí", co fin de que os participantes gocen de paisaxes espectaculares.
A proba experimentou un crecemento constante dende a súa primeira edición, superando os 500 ciclistas na última cita. O impacto, segundo os alcaldes da zona, non se limita ao fin de semana da carreira, xa que se observa un aumento de ciclistas durante todo o ano, confirmando o "efecto chamada" que atrae visitantes.
É unha proba que conxuga a práctica deportiva coa promoción do territorio e do turismo como ningunha
Efrén Castro cualificou a proba como "unha aposta gañadora" e subliñou o seu valor para proxectar Os Ancares como destino de turismo deportivo, aínda que o retorno económico aínda non se cuantificou.
A elección de Ane Santesteban como dorsal 1 reforza a aposta pola participación feminina. Castro sinalou que "apoiar e que estean referentes femininos é importantísimo para todos", especialmente para que as máis novas vexan que o ciclismo "é un deporte para todas". A ciclista de Rentería, con resultados destacados en Tour, Giro e Volta, encabezará un pelotón que xa contou con figuras como Rocío Gamonal ou Lorena Patiño noutras edicións.
Apoiar e que estean referentes femininos é importantísimo para todos
A proba está aberta a ciclistas de todos os niveis, con dúas distancias e ritmo libre. As inscricións, abertas dende xaneiro, xa superan os 300 participantes, e a organización espera bater un novo récord de asistencia. A colaboración entre a Deputación, o club organizador e os concellos é "básica" para o éxito do evento.




