O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, destacou en Bélxica o valor engadido que supuxo para a Estratexia galega da paisaxe o intercambio de coñecemento e experiencias do proxecto europeo GIFT (Green Infrastructure, Forest and Trees), desenvolvido ao abeiro do programa Interreg Europa. O obxectivo era transformar o coñecemento adquirido entre rexións en cambios efectivos nas políticas públicas.
Galicia incorporou á súa estratexia iniciativas doutras rexións europeas, como a restauración de sebes en Fryslân (Países Baixos) na contorna de Fisteus (concello de Curtis), e a aplicación de caixas de madeira con mantillo de Västra Götaland (Suecia) na serra do Xurés (concello de Muíños), nos montes de Couso (concello de Gondomar) e tamén en Fisteus (Curtis).
O IET, en representación da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, liderou esta iniciativa europea e incorporou ao repositorio de boas prácticas de Interreg Europa proxectos relacionados coa conectividade ecolóxica, a biodiversidade e a xestión e custodia do territorio. Tamén se incluíron iniciativas como o uso de árbores caducifolias para a prevención de incendios en Ames, a recuperación de castiñeiros na Reserva da biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, o proxecto Barbanza Ecosocial Lab e o Bosque de Galicia.
O proxecto GIFT, cun orzamento de máis de 2 millóns de euros (80% Fondos Feder e 20% Xunta), busca fomentar a política de cohesión, mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático e a biodiversidade, e a calidade de vida. Nel participan nove entidades de distintos países da UE, como Suecia, Bélxica, Italia, Eslovenia, Letonia e Croacia.




