O Concello de Ortigueira formalizou a sinatura da escritura de compravenda dunha parcela situada na parroquia de Senra, que será destinada á creación dunha futura área recreativa pública. A operación supuxo un investimento municipal de 15.000 euros.
Esta actuación responde a unha demanda histórica dos veciños de Senra, que reclamaban desde hai anos un espazo de encontro ao aire libre orientado ao gozo das familias. A futura instalación dotará á zona dun espazo de esparcemento especialmente equipado para a infancia.
O proxecto busca tamén contribuír á revitalización e dinamización social da contorna rural do municipio, xuntando nun mesmo espazo o ocio dos máis pequenos cos adultos e maiores que frecuentan o centro social da parroquia.




