A escola infantil de Ortigueira, pertencente á rede pública autonómica, recibirá unha importante inxección económica para a súa modernización. A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, financiará con máis de 48.000 euros diversas actuacións que se levarán a cabo durante os meses de verán, aproveitando a ausencia de actividade lectiva no centro.
As obras centrarase na mellora dos muros exteriores e da accesibilidade do edificio. Tamén se actuará na sala de usos múltiples, onde se instalará un novo pavimento e se renovarán os estores. Ademais, adquirirase novo mobiliario para o interior do centro e xogos para a zona exterior, co obxectivo de mellorar as instalacións para os máis pequenos.
Esta actuación é froito dun convenio de colaboración entre o ente autonómico e o Concello de Ortigueira. Súmase a outra intervención realizada o pasado verán, na que se investiron 16.000 euros para mellorar o patio exterior coa instalación dun pavimento de caucho continuo, buscando así incrementar a seguridade das nenas e nenos.
A visita do xerente do Consorcio Galego de Servizos e Igualdade, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde, Valentín Calvín, serviu para supervisar as necesidades do centro e confirmar o compromiso da administración autonómica coa educación infantil na comarca.




