O suceso tivo lugar pouco antes das 09:00 horas, cando o tren do servizo de Ancho Métrico, coñecido anteriormente como FEVE, circulaba entre os municipios de Moeche e Cerdido. Segundo informou o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), unha densa fumareda comezou a saír da parte frontal do vehículo, o que levou á detención inmediata da marcha.
Os viaxeiros puideron abandonar o tren polos seus propios medios e foron trasladados posteriormente por estrada ata un apeadoiro situado en Cerdido. Afortunadamente, non se rexistraron feridos nin persoas afectadas pola inhalación de fume durante o incidente.
Para a extinción do lume, alertouse aos profesionais do corpo provincial de Bombeiros do Eume, con base en As Pontes. Unha dotación desprazouse ata o lugar do suceso, que presentaba un acceso complicado, para controlar e apagar o incendio na maquinaria do convoi. A circulación de trens no eixo Ferrol-Ortigueira permanece paralizada mentres se xestiona a situación.




