A Xunta de Galicia reforza a súa aposta pola captación de talento exterior coa consolidación da convocatoria de 250 Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) para o curso 2027. Dende a súa creación hai unha década, a iniciativa xa concedeu preto de 2.000 bolsas cun investimento superior aos 18 millóns de euros.
O conselleiro José González, que participou nun tramo do Camiño Inglés antes do acto en Oroso, destacou que estas bolsas promoven mestrados nas tres universidades públicas galegas co obxectivo de impulsar o retorno, atraer profesionais cualificados e fomentar o progreso demográfico e socioeconómico da comunidade.
Os beneficiarios das BEME teñen unha media de 29 anos, unha idade clave para o desenvolvemento profesional que facilita a súa integración laboral, xa sexa por conta propia ou allea, e o seu establecemento en Galicia. O 60% das persoas que cursan os mestrados son mulleres.
Procedentes de máis de 40 países, os participantes destacan especialmente de Iberoamérica, con Arxentina á cabeza, seguida de Venezuela, Uruguai, Brasil, Cuba e México. Preto do 80% dos bolseiros deciden permanecer en Galicia tras finalizar os seus estudos, e o 90% recomenda a experiencia.
Estas bolsas enmárcanse na Estratexia Galicia Retorna, que inclúe máis de cen medidas de apoio, como oficinas de atención ao retorno, acompañamento previo nas delegacións no exterior e centros galegos, así como titorización e apoio ao emprendemento a través de programas como a Rede de polos ou Merlo.
González tamén sinalou a importancia de avanzar na homologación de títulos para os beneficiarios das BEME, unha demanda ao Goberno central que podería estenderse a outras persoas, en liña coas recomendacións europeas, para favorecer a mobilidade e a competitividade económica.




