A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Ordes, José Luis Martínez, e a directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, destacaron hoxe, nunha visita ao concello, o investimento de máis de 86.000 euros destinado á mellora de infraestruturas rurais nesta localidade. A actuación céntrase na renovación do firme do desvío a Castro ata o límite con Mesía.
Ademais, Do Campo informou que para a orde da convocatoria 2026-2027, o concello xa ten aprobado outro proxecto cun orzamento máximo de máis de 84.300 euros. O alcalde Martínez sinalou que este novo investimento permitirá continuar coa mellora do viario, actuando no tramo entre O Casal e A Armada, que se iniciará proximamente.
Os traballos executados abrangueron un quilómetro de estrada cun ancho de 6,75 metros. Incluíron a limpeza de gabias a ambas marxes e a renovación da capa de rodaxe. Previamente á aplicación do novo firme, realizouse a reparación de fochancas existentes. A intervención completouse coa aplicación dunha capa de 5 centímetros de aglomerado en quente para mellorar a regularidade e durabilidade.
A actuación tamén comprendeu o recrecido de 15 pozos de rexistro, a execución da nova sinalización horizontal co pintado de liñas de bordo e eixo, e a instalación dun novo sinal de STOP.
A representante autonómica lembrou que na provincia da Coruña, a última convocatoria (2025-2026) beneficiou a 86 concellos con axudas por case 5,6 millóns de euros. Na comarca de Ordes, seis municipios (Ordes, Oroso, Frades, Tordoia, Touro e Trazo) recibiron achegas próximas aos 442.000 euros.
Belén do Campo subliñou a importancia de actuar nas estradas para garantir vías máis seguras e adecuadas ás necesidades de mobilidade, especialmente no ámbito rural. Destacou que estes apoios ás entidades locais son "estratéxicos" para a dinamización social e económica do agro galego, ao vertebrar o territorio.
Respecto ao Plan Camiña Rural, a delegada resaltou a aposta do Goberno galego por subvencionar a ampliación ou mellora de camiños que dan acceso a entidades de poboación. A convocatoria 2026-2027 conta cun orzamento de preto de 19 millóns de euros. Os concellos da comarca de Ordes (Ordes, Oroso, Frades, Tordoia, Touro e Trazo) teñen asignado un investimento máximo de máis de 372.300 euros.
Desde 2016, a Xunta actuou en case 6.700 camiños en Galicia, cunha lonxitude total de 5.200 quilómetros e un importe de axudas de preto de 156 millóns de euros. Belén do Campo reafirmou o compromiso de colaboración institucional para mellorar infraestruturas, beneficiando a mobilidade cidadá e facilitando a saída de produtos agroalimentarios.




