A Estación de Ordes-A Pontraga, na parroquia da Parada, acolleu a presentación da proba, organizada pola Deputación da Coruña. A carreira de 10 km sairá dende esta estación e rematará na antiga estación de Oroso-Vilacide, mentres que a andaina de 5 km partirá dende a estación de Garga-Trasmonte, tamén en Oroso. Ademais, haberá probas escolares na contorna da estación de Oroso-Vilacide.
No acto de presentación estiveron presentes diversas autoridades locais e deportivas, entre elas Antonio Leira, deputado de Deportes da Deputación da Coruña; José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes; E. Antonio Pereiro Liñares, alcalde de Tordoia; Catrina Queijo, tenente de alcalde do Concello de Cerceda; Jesús Fernández, concelleiro de Obras, Servizos e Limpeza do Concello de Oroso; Susana García, concelleira delegada de Política Social, Igualdade, Diversidade, Educación e Traballo do Concello de Ordes; Cristina López, técnica de Deportes do Concello de Ordes; Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo; e o triatleta Iván Raña, embaixador da edición.
Os organizadores destacaron a consolidación da proba no calendario galego e a comodidade do percorrido, que se adapta tanto a corredores como a camiñantes.
As inscricións son gratuítas e permanecerán abertas ata o mércores 18 de novembro ás 23:59 horas.




