A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantivo hoxe en Rois un encontro cun dos beneficiarios destas axudas, cuxa convocatoria está aberta ata o 16 de novembro. En tan só 12 días, a Xunta xa recibiu máis de 300 solicitudes para estas achegas.
A conselleira lembrou que o orzamento destinado a esta convocatoria ascende a 2 millóns de euros e que as achegas incrementaron a contía máxima ata os 15.000 euros por vivenda. O pasado 2025, concedéronse axudas a 380 mozos e mozas dun total de 136 concellos galegos.
Estas axudas son compatibles cos avais que tamén ofrece a Xunta para mercar vivenda, cuxa convocatoria está aberta ata o 30 de outubro. O Goberno galego avala ata o 20% da adquisición, complementando o financiamento bancario e facilitando así o acceso ao primeiro fogar. Nesta convocatoria, a Xunta avala ata 5 millóns de euros.
Ademais, o Goberno galego ampliou en 2 millóns de euros o crédito da liña de axudas á adquisición de vivendas en centros históricos e de vivenda protexida, co obxectivo de atender a demanda cidadá. O prazo de solicitude para esta liña está aberto ata o 15 de outubro.
A conselleira visitou o fogar que Jesús, de 32 anos, puido adquirir en Rois grazas a unha axuda de 10.800 euros da Xunta, sendo unha das persoas beneficiarias desta iniciativa que busca impulsar o acceso á vivenda en Galicia.




