Esta intervención, que supón un investimento de 225.149,55 euros, terá un prazo de execución de seis meses e será financiada a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. A actuación complementa outras melloras na zona, como a renovada Praza Pública e o novo centro socioeducativo As Lagoas.
O proxecto inclúe a instalación de nova infraestrutura subterránea para as redes de electricidade, telecomunicacións, alumeado público e saneamento de pluviais. Ademais, executarase unha nova pavimentación en plataforma única, onde as superficies se diferenciarán mediante materiais distintos segundo o seu uso, xa sexa para tránsito peonil ou tráfico rodado.
Desde o Concello destacaron que esta diferenciación se reforzará coa colocación de elementos urbanos, como bolardos, que permitirán delimitar e organizar os distintos usos do espazo, mellorando así a seguridade viaria. As redes de abastecemento e saneamento existentes foron renovadas recentemente, polo que só se realizarán acometidas a cada vivenda e intervencións puntuais para a súa adaptación.
En canto á rede eléctrica de baixa tensión, prevese a instalación de canalizacións e arquetas de enlace ao longo de todo o ámbito de actuación, o que permitirá á compañía subministradora eliminar as liñas aéreas ou ancoradas ás fachadas das vivendas. A rede de telecomunicacións tamén se reubicará mediante canalizacións subterráneas, e renovarase e instalarase o alumeado público.




