A Deputación de Pontevedra achega este domingo 9 de agosto ata Vilanova de Arousa unha actuación do músico Roi Casal. O concerto terá lugar no Xardín Umbrío a partir das 21:00 horas e forma parte da programación da XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho.
Esta iniciativa realízase ao abeiro de +Música, o programa provincial que conta cun orzamento de 700.000 euros. O obxectivo desta iniciativa é colaborar cos concellos da provincia, especialmente aqueles de menos de 50.000 habitantes, na súa programación cultural, así como difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas.
Roi Casal, recoñecido arpista e expoñente da música galega a nivel internacional, presentará na súa xira Ambos Mundos unha proposta que une música e baile, con especial protagonismo da música tradicional. O espectáculo incluirá temas recentes producidos nos Estados Unidos xunto cunha selección dos seus clásicos.
A actuación en Vilanova de Arousa é unha das 93 actuacións financiadas polo programa +Música, que se desenvolven entre maio e decembro en 58 concellos da provincia. O programa busca a descentralización da cultura e a promoción de actos de calidade en toda a xeografía pontevedresa.




