O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado polos vicepresidentes Luisa Sánchez e Rafa Domínguez, e os deputados provinciais Jorge Cubela e Javier Tourís, presentou a nova iniciativa deportiva "Entre Pontes Trail & Running". Este circuíto deseñado pola institución provincial desenvolverase a partir de setembro en comarcas como Vigo, O Salnés, Pontevedra, O Morrazo e Deza-Tabeirós.
Luis López destacou que esta proposta busca "impulsar a Deputación na descentralización de eventos deportivos", "reforzar como referentes en sustentabilidade ao mesturar deporte e natureza" e "consolidar como un destino onde o turismo e o deporte van da man". O circuíto potenciará "os hábitos de vida saudables" e dará a coñecer "enclaves naturais e urbanos das Rías Baixas", ademais de "dinamizar as economías dos concellos".
O circuíto constará de seis probas: tres carreiras urbanas de 10 km e tres trails de 14 km. Todas elas serán "gratuítas e deseñadas para as familias", incluíndo andainas, actividades para a infancia e a mocidade, e un compoñente gastronómico. O presidente sinalou que "nunca antes se impulsou desde a Deputación un proxecto destas características".
As xornadas terán lugar entre finais de setembro e finais de novembro, "fóra da temporada alta de verán". A primeira proba será o domingo 20 de setembro, unha 10k entre A Illa de Arousa e Vilanova de Arousa, cuxas inscricións abriranse este mércores. As inscricións para as cinco probas restantes abriranse progresivamente coa presentación de cada unha.
A vicepresidenta Luisa Sánchez engadiu que o circuíto "achegará o deporte ao territorio e descubrirá a provincia a través do trail e da carreira", enmarcado nun modelo deportivo "accesible, sostible, descentralizado, que fomenta os hábitos saudables e a participación cidadá".
Agárdase unha participación duns 800 corredores por xornada. O calendario complétase co trail en Vigo (12 de outubro), 10k en Gondomar (25 de outubro), trail en Cerdedo Cotobade (1 de novembro), 10k en Pontevedra (22 de novembro) e trail en Moaña (29 de novembro). Ademais, haberá andainas populares e carreiras infantís, e servizos de restauración con food trucks.
Esta iniciativa segue a liña do trail "Entre Castelos Rías Baixas", celebrado en abril, que conectou Sobroso e Soutomaior e tivo unha gran acollida con 775 participantes.




