A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou en Ribadumia o aumento da financiaciación destinada a impulsar os seguros agrarios. A ampliación de 1,5 millóns de euros eleva ata os 11 millóns de euros as axudas previstas para facilitar a contratación de pólizas este ano.
Durante unha visita a un viñedo, Gómez puxo en valor a aposta da Xunta por este sistema de protección, lembrando a agricultores e gandeiros a importancia de asegurar as súas explotacións fronte a fenómenos ou enfermidades que poidan comprometer a rendibilidade das súas producións.
“"As axudas públicas poden cubrir ata o 75% do custo do seguro, sumando as achegas autonómicas e estatais."
O prazo para solicitar estes apoios permanece aberto durante todo o ano. Dende 2017, a Consellería do Medio Rural destinou máis de 60 millóns de euros ao fomento dos seguros agrarios. Segundo explicou Gómez, este investimento, xunto cunha maior concienciación do sector, permitiu incrementar o nivel de aseguramento, especialmente no ámbito agrícola, onde a contratación de pólizas aínda é menor.
O capital asegurado no sector agrario galego creceu ata un 73% nos últimos cinco anos, alcanzando os 110,3 millóns de euros o pasado exercicio. Entre as principais producións agrícolas aseguradas figuran os viñedos, ademais dos cultivos de froitos vermellos e os forraxeiros.
No ámbito gandeiro, a conselleira resaltou o peso do seguro vinculado ao vacún de reprodución e produción, que en 2025 alcanzou os 27,76 millóns de euros en primas e permitiu asegurar un capital de 776 millóns de euros, con cobertura para máis de medio millón de animais.
Gómez tamén lembrou que o pasado ano Galicia rexistrou preto de 38.000 pólizas, cun capital asegurado superior aos 1.200 millóns de euros, e insistiu en que estes instrumentos son unha ferramenta clave para aportar estabilidade económica ás explotacións fronte a situacións imprevisibles.
A titular de Medio Rural reclamou ademais ao Ministerio de Agricultura a inclusión do mildiu dentro das enfermidades cubertas polos seguros agrarios, así como a incorporación de novas patoloxías gandeiras como a Dermatose Nodular Contaxiosa, unha cuestión que considera fundamental para o campo galego.




