A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno dúas achegas por valor de preto de 480.000 euros para Cambados e Sanxenxo no marco do Plan +Provincia 2026-2027. Este plan reparte 85 millóns de euros este ano para que concellos de menos de 50.000 habitantes poidan realizar investimentos, afrontar gasto corrente e contratar persoal.
O presidente provincial, Luis López, anunciou que Cambados recibirá 105.000 € para a cuberta exterior da pista polideportiva nas Quintáns, en Vilariño. Pola súa banda, Sanxenxo obterá preto de 150.000 € para a ampliación da senda fluvial de Dorrón e 225.000 € para a urbanización da rúa Aparicio Vilar e da rúa dos Grupos Escolares, ambas en Vilalonga.
En Cambados, actuarase na pista polideportiva das Quitáns, en Vilariño, onde se construirá unha cubrición con sete pórticos de madeira laminada en forma de búmerang e paneis de policarbonato translúcido. A estrutura tamén incluirá cruces de San Andrés, lamas de madeira e paneis laterais para regular a luz e o vento, ademais dunha inclinación para facilitar a evacuación da auga da choiva.
O Concello de Sanxenxo prolongará e adecuará unha senda peonil de 756 metros ao longo do Rego de Dorrón para conectar a praia de Areas co Muíño do Barreiro. Esta intervención mellorará a accesibilidade e seguridade, e incluirá pavimento de xabre estabilizado, pasarelas de madeira e plástico reciclado, varandas e elementos de integración paisaxística.
O segundo proxecto en Sanxenxo céntrase na renovación urbana das rúas Aparicio Vilar e dos Grupos Escolares en Vilalonga. Prevé o soterramento das infraestruturas de electricidade, telecomunicacións, alumeado e saneamento, así como a pavimentación en plataforma única e a instalación dun novo sistema de alumeado público.
“"Como todas as semanas seguimos avanzamos no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade."




