O conxunto de O Ribeiro iniciou a semana de preparación para o partido de volta da final polo ascenso, que se disputará o vindeiro domingo ás 12:00 horas no pavillón Marta Míguez de Cortegada. A vantaxe lograda na ida deixa ao equipo con case todo feito para alcanzar a máxima categoría do fútbol sala feminino.
Unha das xogadoras clave, Pau, recoñece que a eliminatoria "está de cara", pero insiste na necesidade de "evitar confiarse" e "pechar o traballo". A deportista desexa que as vacacións cheguen despois de "completar o bo traballo que estamos a realizar esta tempada" e subliña que "o temos moi preto, pero aínda nos queda un último esforzo".
A pesar da vantaxe, Pau avisa de que "non podemos saír relaxadas" e que o obxectivo é gañar tamén na casa, ante a súa afección. "Tentaremos non mostrar puntos débiles e a motivación polo ambiente na nosa casa e a nosa calidade teñen que facer o resto para pechar a eliminatoria", afirmou.
Sobre o partido de ida, a xogadora analizou que a primeira parte foi igualada, mentres que na segunda o equipo foi superior. "Tal vez foi polo ambiente, que nos creou algúns nervios ata custarnos saír da súa presión. Así, elas tiveron ocasións ao principio, pero conseguimos marcar primeiro. A pena foi que nos empataron moi pronto. Nese momento xa estabamos a ser mellores", explicou.
De cara ao encontro de volta, Pau confía no apoio da afección e nas melloras que achegará xogar nunha cancha máis grande. "Non só pola vantaxe da ida, chegamos nun bo momento a este tramo final de tempada. Estamos na situación que queriamos, no último partido do play off, en casa e cunha vantaxe de tres goles", concluíu, lembrando que o ascenso era o obxectivo principal.




