Os feitos ocorreron a primeira hora da tarde deste domingo, cando os ocupantes dun vehículo que circulaba pola saída da Autovía do Morrazo na parroquia de Meira, en Moaña, atoparon un home con feridas e sangrando na cuneta do vial. O individuo, aínda que ferido, estaba consciente.
A Policía Local e a Garda Civil acudiron ao lugar, confirmando que se trataba dun veciño de Vigo. Segundo o seu testemuño, fora secuestrado na cidade olívica por varias persoas. Relatou que no mesmo coche viaxaba outra muller, da que descoñece o seu paradoiro, e que a el o guindaron por un terraplén na zona do monte de Meira. Desde alí, camiñou ata o enlace da autovía onde foi atopado.
“"Asegurou que o secuestro tivo lugar na zona da Praza de América en Vigo e que podería estar relacionado cun roubo no que a muller implicada tería participado, sen que el tivese conexión co suceso."
As autoridades, incluída a Policía Nacional de Vigo, iniciaron unha investigación para esclarecer os feitos. A Garda Civil confirmou a apertura dunha investigación en coordinación coa Policía Nacional, sen poder achegar máis detalles polo momento.




