A situación financeira da empresa orixinal, con sede en Vigo, motivou a decisión do Concello de Marín de rescindir o contrato para a construción da senda peonil e ciclista no Vial de Praias. Esta ambiciosa actuación tiña como fin conectar o centro urbano da localidade cos seus areais, estendéndose entre o pavillón da Escola Naval Militar e as praias de Portocelo e Mogor. O proxecto fora adxudicado inicialmente por 593.364,23 euros.
Ante esta circunstancia, a Xunta de Goberno Local aprobará este xoves a resolución do contrato e iniciará os trámites para unha nova actuación de emerxencia. O obxectivo é solucionar a situación actual, mellorar a zona, evitar os riscos e os problemas de tráfico que se están a xerar, e ter a obra rematada de cara aos meses de verán. O Concello xa dispón dos informes técnicos necesarios e agarda que os traballos poidan retomarse canto antes.
“"Lamentamos todos os problemas que provoca unha situación como esta, especialmente en obras que dependen de fondos europeos Next Generation como é a do Vial, financiada a través do Plan de Sostibilidade Turística."
A administración local expresou o seu pesar polos inconvenientes derivados desta situación, especialmente ao tratarse dun proxecto financiado con fondos europeos Next Generation, a través do Plan de Sostibilidade Turística. Existe o risco de que Marín perda esta subvención, xa que para recibir a axuda de forma íntegra, os traballos deberían estar xustificados e rematados antes do próximo 30 de xuño.
Os problemas da empresa non se limitaron a esta obra. Tamén deixou sen completar o mantemento de camiños na zona rural, un contrato que foi resolto hai varias semanas. A firma non mellorou os camiños de tres das oito vías previstas: as de Mogor-Portocelo, Cruceiro de Brea-San Blas e O Pazo. Ademais, a empresa executou con deficiencias a humanización dun tramo da PO-546, entre as rúas Concepción Arenal, o que obrigou á Xunta de Galicia a recorrer á garantía do contrato, adxudicado por 1.005.086,72 euros, para corrixir os defectos pendentes.




