O buque, que sae a poxa cun prezo de saída de 180.000 euros a través do portal especializado Escrapalia, é unha embarcación singular de tipo ketch custom, fabricada con casco de aceiro naval de alta resistencia e superestrutura de aluminio. A unidade, con 28,9 metros de eslora, está plenamente capacitada para navegacións de altura e dispón dunha planta propulsora robusta baseada nun motor diésel Caterpillar de 490 HP, dous grupos electróxenos e equipamiento avanzado de manobra hidráulica.
O interior destaca por acabados de gran calidade e unha habitabilidade versátil que integra un amplo salón principal, ponte de mando protexido, zona de descanso con bar e oito sollados adaptados con baño independente. O xoves, 2 de xullo, terá lugar unha visita para os interesados na Escola Naval Militar de Marín, mentres que a poxa online estará aberta ata o 16 de xullo.
A recadación destinarase a reverter na sociedade os danos ocasionados polas drogodependencias e o narcotráfico, financiando programas de prevención e asistencia.
O diñeiro recadado polo Fondo de Bens Decomisados, regulado pola Lei 17/2003, destínase a programas de prevención de toxicomanías, asistencia de drogodependentes e a súa inserción social e laboral. Aproximadamente o 70% destes ingresos dedícase á redución da demanda e o 30% á redución da oferta. En 2023, distribuíronse 28.350.000 euros procedentes deste fondo.




