No seu primeiro mes de actividade, o novo centro de saúde de Moaña atendeu un total de 17.580 actos asistencias. Destas, 17.158 foron consultas programadas, mentres que os servizos de urxencias en horario de tarde rexistraron 422 asistencias.
Dentro da actividade asistencial ordinaria, destacaron as 8.432 consultas de medicina de familia, seguidas polas 5.598 de enfermería. Tamén se realizaron 912 consultas de fisioterapia, 866 de pediatría e 314 coa matrona. Outros servizos incluíron odontoloxía (295), hixiene bucodental (256), nutrición (87), traballo social (196), farmacia (33) e función administrativa (169).
A ambulancia de soporte vital avanzado con base en Moaña, que ampliou o seu horario a 24 horas, efectuou 98 mobilizacións neste período. Só 13 asistencias rexistráronse entre as 00:00 e as 08:59 horas, e 10 entre as 21:00 e as 00:00 horas. Das mobilizacións totais, 55 foron para pacientes do municipio, e o resto distribuíronse na contorna, sendo os motivos máis frecuentes alteracións do nivel de consciencia (17), cadros de dor (14) e accidentes de tráfico (11).
A construción e dotación deste novo centro de saúde supuxo un investimento de 9,6 millóns de euros por parte da Xunta. As novas instalacións, con 3.000 metros cadrados, triplican a superficie anterior e concentran unha ampla carteira de servizos. O centro conta con múltiples consultas de medicina xeral, enfermería, pediatría, saúde bucodental, fisioterapia e psicoloxía de atención primaria, ademais de garantir atención urxente as 24 horas os sete días da semana.




