A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, anunciou hoxe a contratación destes traballos, que contan cun orzamento de 741.529 euros e se prevén cofinanciar con fondos europeos FEDER.
O novo itinerario estenderase ao longo de case un quilómetro na marxe esquerda do viario, entre os puntos quilométricos 4+120 e 5+035, cunha anchura de entre 1,80 e 2,22 metros. A actuación tamén incluirá a habilitación dunha parada de autobús e varios tramos de varanda ao longo do percorrido.
A conselleira destacou que esta licitación, xa publicada na Plataforma de Contratos de Galicia, forma parte do compromiso da Xunta coa mobilidade sostible e segura. Sinalou que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 3 de agosto.
Allegue enmarcou esta actuación na estratexia da Administración autonómica para mellorar as estradas galegas, sumándose a treitos anteriores xa executados na PO-313 desde Coirados e Pardavila ata Cadro. O obxectivo é completar un itinerario seguro de 5 quilómetros para desprazamentos a pé ou en bicicleta.
A Xunta prevé adxudicar as obras ao longo deste segundo semestre do ano, cun prazo de execución de 12 meses. A conselleira tamén subliñou que a actuación está coordinada co Concello de Marín, que tamén prevé actuacións municipais na contorna.




