O espectáculo terá lugar no exterior do Centro Social do Mar ás 22:30 horas. Esta iniciativa forma parte de +Música, un programa provincial cun orzamento de 700.000 euros destinado a colaborar cos concellos na súa programación cultural e a difundir e fomentar a lingua e cultura galegas.
De Ninghures é unha banda de novo folk galego que emprega instrumentos orgánicos e presenta un repertorio tradicional con influencias de músicas ibéricas, latinoamericanas e do Magreb. A formación busca ofrecer unha experiencia musical que conecte a tradición galega cunha perspectiva global e moderna.
Esta actuación é unha das 93 financiadas polo programa +Música, que se desenvolve entre maio e decembro en 58 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes. O obxectivo do programa é apoiar a programación cultural local, impulsar a reputación de Pontevedra como destino cultural e promover a descentralización da cultura.




