A presentación tivo lugar esta mañá no propio Comedor Social, coa presenza da alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín, xunto a voluntarias da institución. O festival, que xa é unha tradición estival, busca a colaboración cidadá para axudar a quen máis o necesita.
A entrada ao evento, que comezará ás 21.00 horas no Auditorio, será libre ata completar aforo, cunha apertura de portas ás 20.30. Para acceder, será necesario levar alimentos non perecedoiros. A organización destaca a necesidade de aceite, leite, arroz e pasta, aínda que calquera doazón será benvida.
O cartel artístico inclúe a participación de Antonio Peixoto, Manuel Somoza, Antonio Fernández, Candela, José Manuel Couñago, Ecos de Marín, a Banda de Música de Marín, Canteir@s de Marón e a cantante de ópera cubana Betsy, que actuará como gran estrela da noite. Ademais, sortearanse varios artigos, entre eles un cadro do recoñecido pintor marinense Antón Sobral.
A presidenta do Comedor explicou que actualmente están a servir entre 85 e 90 comidas diarias, ademais de atender a familias que recollen alimentos para levar a casa. Subliñou a importancia da desinteresada contribución de persoas e institucións para soster os custos da instalación.
A alcaldesa María Ramallo recalcou que as axudas institucionais son insuficientes fronte ao "inmenso traballo" que realizan as voluntarias, "sen as que non sería posible facer esta cobertura social que, desgrazadamente, moita xente necesita".




